
Che spectacolo! Roma aos meus pés, coma un xigantesco ser vivo que se esparexe até o horizonte. James Joyce dicía que Roma era como unha avoa morta que os romanos teimaban en ensinar aos visitantes para sacarlles os cartos. Nada máis lonxe da realidade. Esas catro letras, R-O-M-A, evocan unha muller ben viva, sensual, como Anita Ekberg bañándose na Fontana di Trevi, fascinante, como Audrey Hepburn comendo un xelado na escalinata da Piazza di Spagna, "bella", coma din os italianos enfaticamente cando ollan pra unha ragazza. E esa beleza non reside só na cúpula de San pedro, nin na Capela Sixtina, nin no Colosseo, por citar as postais habituais. Esa beleza escondida, segreda, que só coñecen os romanos, agóchase nos caleixóns perdidos que rodean o Campo dei Fiori, na lápida con inscripcións romanas que hai nun garaxe na Via del Borgo Vechio ou no desconchado dunha parede grana do Trastevere. E sí, tamén, nos gatos que percorren as ruinas dos templos da era republicana en Largo Argentina. Por iso Roma é a miña segunda cidade favorita, tras Venezia, quizais máis escenario, máis teatral, máis exhuberante e derrochadora de arte e emocións. Se a cidade da lagoa é a capital do Romanticismo, do auténtico, non o de góndola hortera made in Japan, senón o da lúa nostálxica fondeada no Bacino di San Marco, Roma é a capital da Vida. Da vida que brota coma o marmullo violento dunha fonte colosal, da vida que atrapa ao visitante entre un tráfico anárquico e brutal, da vida que che dá o arrecendo dunha pizza quente nunha trattoria. Se só escoitas o eco dos teus pasos, é que estás en Venezia, se non eres capaz de abrir os ollos sen estremecerte en cada esquina é que estás percorrendo Roma. Dúas cidades, dous amores......
PD: Recomendo vivamente "Vacacións en Roma", de William Wyler, o primeiro filme de Audrey Hepburn. Unha película que, a pesar de rematar cun poso de amargura, te devolve as ganas de vivir cando estás un poco baixo de moral.
No hay comentarios:
Publicar un comentario