
Venezia é a cidade que máis me fascinou. En dúas ocasións tiven a oportunidade de visitala e ainda se me escapa entre as mans, con mil segredos por descubrir entre os canais, os sottoportegos, as fondamenta e as cortes ou cortiles. Un deses segredos é o da Corte Botera, un espazo que parece saído da imaxinación e do que aínda dubido que exista realmente. Paréceme unha imaxe realmente evocadora do que significa este blog: deixar un pequeno pasadizo aberto para acceder ao interior dos meus pensamentos. E tendo en conta que son unha persoa máis intuitiva que racional, ese pasadizo non podía desembocar de ningunha das formas nunha praza ortogonal, grandiosa e rectilínea, poño por caso, a Praza Vêndome de París. É máis ben un patio de viciños recoleto, escondido, escuro e decadente, no que se ergue un vello pozo cuberto de hedra. Este é o lugar onde me gusta agocharme ás veces, lonxe do ruído e da monotonía. Convídovos a entrar conmigo e pescudar en cada unha das portas que, segundo conta a tradición, leva a un lugar máxico e maravilloso. Hai terán cabida o cine, a literatura, a arte, as paisaxes de agora e de antes, os ecos da memoria e do tempo que pasa....Fágovos gardiáns das sete chaves. Sede benvidos.