Na provincia de Soria, a carón do río Douro, emerxe entre as infindas chairas castelás a figura imponente dun vello castelo. Tan vello que é o século X. Tan imponente como que se trata da fortaleza árabe máis grande de europa. E aí reside boa parte do seu misterio: arcos de ferradura no corazón da vella Castela.
Situado nunha encrucillada de culturas, cambiou de mans continuamente durante dous séculos. Foi edificado baixo o Califato de Córdoba para protexer a rota de entrada das incursións musulamanas en territorio cristián. Os seus construtores fixeron un bo traballo, como demostra o feito de que, con poucos desperfectos, permaneza en pé despois de máis de mil anos. Achegarse a el dende Burgo de Osma é toda unha experiencia. A miña primeira visión da fortaleza xurdiu entre as tebras da noite. Entre a escuridade, unha xigantesca mole interrumpe de súpeto a liña do horizonte. Os perfís non son nídios, os límites non parecen claros no medio das sombras, mais o presentimento da súa grandeza conmove ao espectador, ansioso de que chegue a mañá para contemplar as verdadeiras dimensións do monstruo.
Ei-lo. As primeiras luces do mencer amosan o espectáculo dos seus muros e torres tinguidos de amarelo. Retando aos séculos, recortándose contra o ancho ceo azul, insolentes. Silencio. Escoitáse só o eco dos tempos pasados. A limpa mañá dun mes de abril evoca as batallas e exércitos que pasaron por esta terra anterga. Os 60.000 homes reunidos diante dos seus muros polos reis de León e Navarra, en coalición co Conde de Castela, incapaces de rendir o castelo no 975. Al-Manzor, o victorioso, orando a Alá no patio de armas antes de dirixirse á súa derradeira batalla en Catalañazor. Rodrigo Díaz de Vivar, o Cid, recibindo o título de señor de Gormaz, trala definitiva conquista cristiá. Atopámonos nunha terra de xestas e cantares, o aire parece estremecido por un alento épico.
Imos facernos donos do castelo por un intre. A subida remata diante dun xigantesco arco de ferradura doble enmarcado por alfiz. A sorpresa ven ao entrar. Dentro, o baleiro máis absoluto entre pedra e herbas. Mais, ao dirixir a mirada cara a porta califal dende o interior: o shock! Unha ventá aberta ao mar de Castela. A vista chega até máis aló do infinito, nada a interrompe: campos verdes, montañas nevadas, un vertixe de horizontalidade. Paisaxe irreal preto do ceo. O Douro serpentea, é un pequeno animal plateado. O vento frío zoa na cara. Durante uns segundos, as palabras desparecen e deixan paso a sensacións primixenias. Ao retornar á chaira, recuperamos o contacto coa realidade. Non sabemos se o que acabamos de viver é un sono. Mentres nos imos alonxando, se voltamos a vista atrás, só nos quedará a imaxe borrosa do castelo, como unha pantasma entre a néboa, como un recordo esvaecéndose na memoria.....